sábado, 16 de diciembre de 2017

Fronteiras




Henning Mankell escribiu unha vez que "a vida está composta dunha morea de fronteiras diversas que, xeneralmente, non podemos descubrir ata que nos enfrontamos a elas."

Dun tempo a esta parte teño unha sensación similar á hora de percibir o tema das TIC e das súas posibilidades en educación. Son xa varios cursos e varios cursillos, como profesor, formador e tamén como alumno no que me parece que o asunto das TIC no mundo educativo ten cada vez máis a monolítica forma dunha fronteira. Neste sentido lin hai anos un interesante artigo de Jordi Adell no que fala dalgo similar, diseccionando con mestría a sensación de que estamos sometidos a un eterno baile de trebellos tecnolóxicos en evolución constante sen que saibamos moi ben como integralos na nosa práctica docente e sentindo ademais que estamos desfasados permanentemente.


Parellamente, asisto a unha curiosa bipolaridade no eido do sistema educativo en Galicia: por unha banda se artellan espazos para a formación do profesorado en base ao traballo colaborativo, á creación de recursos compartidos e de proxectos abertos e, por outro, o día a día na aula continúa dominado na súa práctica totalidade por uns intereses editoriais baixo a forma de libros de texto tradicionais ou de novo aspecto dixital que non fan máis que desmentir o carácter aberto dos primeiros espazos... e iso sen entrar a analizar cal é o papel real da tecnoloxía como eixo vertebrador na educación nun curriculo marcado por unha estandarización tan ríxida como a actual, ou a dotación dos centros. O pasado curso, nun centro dunha das vilas máis grandes de Galicia, os proxectos de traballo coas TIC nunha materia de 4º de ESO tiveron que ser abandonados ao pouco de comezalos porque o simple feito de que a velocidade de conexión a internet do instituto facía que abrir google drive levase non menos dun cuarto de hora...

Por todo o anterior, declárome desorientado e en permanente estado de ensaio - erro.  Penso que é preciso facer, desde todoas as instancias educativas, unha fonda reflexión e autocrítica de que, como e para que queremos ensinar.
A fronteira aí sigue.







1 comentario:

  1. Levas moita razón en case todo o que dis. Eu síntome moitas veces totalmente abandoado polas institucións académicas, pero consólame o feito de ver que unha parte moi grande do profesorado segue a intentalo e logra resultados e proxectos maravillosos, e este curso foi unha excelente mostra. Foi un pracer. Apertas e bo Nadal

    ResponderEliminar