sábado, 18 de noviembre de 2017

Pescando no océano da web



Seguramente terás experimentado a sensación, cando buscas na web recursos, ideas ou calquera tipo de material para a aula, de que o principal problema é a sobreabundancia de contidos. Non é de estrañar. Internet ten un volume de información enorme, que vai desde as ideas máis brillantes e revolucionarias a vídeos de gatos. Pensa que, aínda que é difícil ter cifras precisas, para 2008 falábase da existencia de 63000 millóns de páxinas web; en 2010 google contaba cuns mil millóns de buscas diarias, na actualidade súbense a youtube 300 horas de vídeo por minuto, ou, con cifras "menos" mareantes twitter conta con 65 millóns de chíos ao día... ¿Como xestionar ese inxente volume de información que ademais non parará de medrar?



Pois a palabra máxica para os que saben disto é curación, un simpático anglicismo que se refire á necesidade de localizar, filtrar e reutilizar a información da web mediante estratexias que eviten a denominada infoxicación ou sobrecarga informativa e que permitan, en primeira instancia, que non pasemos horas e horas dando voltas e máis voltas polas páxinas de resultados dos navegadores web, ou que non lembremos onde gardamos aquel recurso tan bo que atopamos tras moito buscar.


A infoxicación é un tema complexo porque funciona mesmo cando desconectamos do traballo. Coa evolución constante das TIC o acceso á información ten unha dobre dirección, xa non imos nós unicamente a buscar información, senón que a información sae continuamente ao noso encontro. Dicía G. Cánovas, da organización Protégeles,que os rapaces e rapazas cando cubren unha das moitas enquisas arredor da súa relación coa tecnoloxía non saben que contestar á cuestión ¿cantas horas ao día te conectas a Internet? porque consideran que sempre están conectados vía smartphone; e iso é algo que tamén nos sucede a boa parte da poboación adulta. De aí que sexa necesario atender a como afrontar este caudal de información para poder extraer del información útil e válida.

A gran pregunta agora é como facer encaixar a curación de contidos como prevención fronte á infoxicación na aula. Admítense ideas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario