sábado, 18 de noviembre de 2017

Pescando no océano da web



Seguramente terás experimentado a sensación, cando buscas na web recursos, ideas ou calquera tipo de material para a aula, de que o principal problema é a sobreabundancia de contidos. Non é de estrañar. Internet ten un volume de información enorme, que vai desde as ideas máis brillantes e revolucionarias a vídeos de gatos. Pensa que, aínda que é difícil ter cifras precisas, para 2008 falábase da existencia de 63000 millóns de páxinas web; en 2010 google contaba cuns mil millóns de buscas diarias, na actualidade súbense a youtube 300 horas de vídeo por minuto, ou, con cifras "menos" mareantes twitter conta con 65 millóns de chíos ao día... ¿Como xestionar ese inxente volume de información que ademais non parará de medrar?



Pois a palabra máxica para os que saben disto é curación, un simpático anglicismo que se refire á necesidade de localizar, filtrar e reutilizar a información da web mediante estratexias que eviten a denominada infoxicación ou sobrecarga informativa e que permitan, en primeira instancia, que non pasemos horas e horas dando voltas e máis voltas polas páxinas de resultados dos navegadores web, ou que non lembremos onde gardamos aquel recurso tan bo que atopamos tras moito buscar.


A infoxicación é un tema complexo porque funciona mesmo cando desconectamos do traballo. Coa evolución constante das TIC o acceso á información ten unha dobre dirección, xa non imos nós unicamente a buscar información, senón que a información sae continuamente ao noso encontro. Dicía G. Cánovas, da organización Protégeles,que os rapaces e rapazas cando cubren unha das moitas enquisas arredor da súa relación coa tecnoloxía non saben que contestar á cuestión ¿cantas horas ao día te conectas a Internet? porque consideran que sempre están conectados vía smartphone; e iso é algo que tamén nos sucede a boa parte da poboación adulta. De aí que sexa necesario atender a como afrontar este caudal de información para poder extraer del información útil e válida.

A gran pregunta agora é como facer encaixar a curación de contidos como prevención fronte á infoxicación na aula. Admítense ideas.

sábado, 4 de noviembre de 2017

Arredor das licenzas CC



A cuestión da propiedade intelectual é unha realidade que está a adquirir un protagonismo cada vez máis maior no mundo educativo. Os dereitos de autor e os elementos que fan refrencia expresa ao profesorado están recollidos na Lei 21/2014 do 4 de novembro, disposición na que se pode constatar a vixencia do dereito de cita, reseña e ilustración con fins educativos na aula ou nun entorno de aprendizaxe a distancia pechado e sempre que se trate de fragmentos non representativos dunha obra (excluíndo en todo caso libros de texto).
Isto último sitúa as ferramentas da web 2.0 nunha posición incómoda, dado que trascenderían o espazo da aula ou do entorno de aprendizaxe pechado a terceiras persoas. Máis ben ao contrario, os blogs, wikis, presentacións, vídeos... que adoitamos promover son na súa inmensa maioría totalmente públicos e abertos (e precisamente iso constitúe en boa medida o seu potencial educativo), e aí entrariamos en colisión coa lei; sobre todo polo uso da imaxe, proceso que en liñas xerais, non vai máis alá de teclear un concepto na caixa de busca, pulsar e imaxes e escoller a que máis nos guste. O mesmo se podería dicir con textos, vídeos e audios.
O obxectivo deste post é tomar conciencia da propiedade intelectual e presentar estratexias para cumplir coa legalidade vixente sen renunciar a insertar nas páxinas que facemos nós ou que facemos co alumnado elementos multimedia.

COPYRIGHT, DOMINIO PÚBLICO E CREATIVE COMMONS.

Por defecto, calquera liña que escribamos, foto que tiremos ou vídeo que fagamos está protexido de xeito automático polos dereitos de autor desde o mesmo momento da súa realización, e iso funciona tamén en Internet (a non ser que algún dos servizos que usemos para escribir ou subir fotos ou vídeo indiquen nesas condicións de uso que non lemos que renunciamos a ese dereito en favor deles...). É dicir, o copyright da obra é inmediato. E cando empregamos un buscador para atopar información multimedia sobre calquera cousa o copyright non desaparece das pezas que atopamos.
A opción que está nas antípodas do copyright é o dominio público Aquí temos as obras que, por expreso desexo do autor ou por ter pasado entre 50 e 100 anos desde o seu falecemento (en función do país; en España son 70 anos), poden ser explotadas na súa totalidade, se ben mantendo os chamados dereitos morais ou recoñecemento da autoría, se ista é coñecida. 
A "terceira vía" e a de Creative Commons (CC), unha iniciativa na que os autores das obras, sen renunciar plenamente aos seus dereitos, ou mellor aínda, escollendo que dereitos sobre a súa obra queren que se manteñan, permiten o uso e distribución da mesma. O movemento creative commons xorde en Estados Unidos arredor dunha iniciativa que tiña como obxectivos crear un conxunto de licenzas públicas gratuítas que tivesen solidez legal e que fosen de doado uso para os usuarios.
Aínda que xamais escoitaras falar de creative commons, seguramente xa accediches a información CC, posto que, por exemplo, a wikipedia, tanto nos seus textos como na meirande parte dos elementos multimedia (arquivados no apartado wikimedia commons), emprega licenzas CC e os repositorios educativos como o  repositorio ABALAR, tamén. 
Deste xeito, o material multimedia baixo licenza CC, sumado ao que se atopa en dominio público, é a clave para poder traballar coas ferramentas da web 2.0 respectando a legalidade.

AS LICENZAS CREATIVE COMMONS.

As licenzas CC basénase en seis posibilidades derivadas da combinación de catro condicións, que podes ver atopar na presentación do lado. Verás que a condición mínima é sempre a atribución (BY), co que en todos os casos haberá que citar o autor do material. Así, cando usamos nun blog varias imaxes baixo licenza CC, non abonda poñer unha nota ao final do post poñendo algo tipo "Imaxes baixo licenza Creative Commons," senón que hai que referenciar cada unha delas segundo está establecido na licenza. Ao principio pode resultar un pouco confuso, pero é necesario citar ben os materiais CC, e , por suposto, introducir ao noso alumnado nunha cuestión de grande importancia neso que chaman competencia dixital.
Podes acceder a un motor de busca de material CC en distintas webs neste enlacePara favorecer a referenciación de imaxes, imprescindible para empregar materiais baixo licenza creative commons, podemos empregar o sinxelo buscador johnjohnston flickrcc: http://johnjohnston.info/fcc/